- No puedes añadir «Vari Caramés» al carrito porque el producto está agotado.
Instant Village
Instant Village (en galego podería ser ‘vila instantánea’) confórmase como unha colección de antipostais que amosan imaxes alternativas e se callar opostas ás ficcións construídas e propagadas desde o márketing turístico derredor das illas Canarias. Á vez, confróntanse co imaxinario colectivo e coas miñas propias construcións mentais en relación coa categoría «illa» que, ademais, descansan a miúdo sobre lugares comúns do tipo: unha illa ten palmeiras, unha illa ten praias virxes, unha illa é un lugar de natureza exuberante, unha illa é evasión, unha illa é un edén, etcétera. Nas Canarias, quizá responden figurativamente a eses lugares comúns e confírenlles sentido aquelas zonas do territorio protexido, cos seus volcáns, palmeiras e praias, nas que non se pode construír. Porén, que acontece no resto do territorio, naquel que se nos deixa facer? Asumindo que a paisaxe construída é a paisaxe humana, unha codificación do que somos nun momento dado, daquela que é o que contan sobre nós, como sociedade no seu conxunto, as formas coas que a ocupamos? A serie é un ensaio fotográfico sobre este uso do territorio nas illas Canarias, unha contorna que, debido á súa case exclusiva dependencia económica do turismo, foi obxecto dunha presión crecente (desde a década de 1960 até a recente explosión da burbulla inmobiliaria) e que representa un tubo de ensaio perfecto para os problemas do Estado español no seu conxunto. Que o recurso máis valioso dunha illa sexa precisamente o máis limitado —o territorio— é un paradoxo dun tipo de desenvolvemento cuxo único propósito semella ser o beneficio inmediato e que creou unha corrosiva topografía da banalidade.
— Simona Rota